ROTEIRO DA ARTESANÍA
 
A tradición industrial manufactureira das terras de Britonia pervive privilexiadamente en seculares obradoiros conservados que ofrecen productos de enxebre carácter e grande calidade



Nas Terras de Pardo de Cela

A descoberta da artesanía britoniense ten o ponto de partida en Viveiro, cidade monumental que posue un obradoiro de cerámica e celebra en agosto a Feira de Artesania Popular. Tomando dirección cara o leste arríbase a Cervo, berce da prestixiosa e nacional Fábrica de Louza de Sargadelos.

Sargadelos, a xenuína cerámica de Galicia, ten orixe nas Reais Fábricas de Louza do Marqués de Sargadelos, primeiros altos fornos do sur de Europa e Conxunto Histórico-Patrimonial Nacional do séc.XVIII. As características pezas de louza branca de Sargadelos foron sempre consideradas das máis prestixiosas cerámicas de Europa

Travesando cara o Val do Ouro, encóntrase en Ferreira e Alfoz unha vella tradición artesanal de producción de zocas e madroñas de madeira. A rota continúa ata Mondoñedo, a Cidade Monumental das terras bretoñesas. Son tradicionais da capital da Antiga Provincia a súa tradicional cerámica e a celebérrima repostería do Rei das Tartas

De Mondoñedo parten dúas atractivas rotas: a ferreira de montaña ou a costeira Cantábrica. Independentemente da escolla, paga a pena achegarse ata a histórica Bretoña, onde se pode apreciar no couto da Auruxeira o céltico conxunto escultórico do artesán bretoñés Iván Alvite. 
 

A Ferreiría da Montaña

En terras de Riotorto, na parroquia de Ferreiravella, medio centenar de ferreiros perduran este antigo e tradicional oficio artesanal que goza de alta reputación pola súa calidade en ferramentas de corte, pódense visitar dous dos enxebres obradoiros. A tradición ferrometalúrxica de A Pontenova tamén é célebre pola calidade e beleza dos seus coitelos. 

Taramundi é a capital artesana desta comarca ferreira. O Conxunto Etnográfico de Teixois amosa nun vello casal ferreiro a vida e economía da Galicia interior nos séc.XVIII e XIX. Neste importante conxunto hidráulico sobrancea o Mazo de Teixois, un pesado e xigante martelo de madeira que golpea repetidamente a superficie na que se traballa o ferro. Outro dos contados Mazos todavía en uso nestas terras ferreiras é o de Aguillón, namentres que en Caleiro, na parroquia de Ouria, consérvase un forno de cal. 

No lugar de Esquíos o Museo do ferreiro Manuel Lombardía exhibe numerosas pezas pertencentes ao seu pai, avó e bisavó, mostra das ferramentas e útiles da vivenda tradicional galega, sendo tamén posible presenciar a fabricación das navallas de Taramundi. Outras industrias artesanas destacables son os seus telares e o delicioso queixo de Carballo

Nas terras dos Oscos sobrancean os galocheiros ou zoqueiros de Penacova, e máis a Ferrería de Mazonovo en Santalla, outra  excelente mostra da industria ferreira da comarca, que ata o séc.XIX exportaba material elaborado á Fonsagrada, A Veiga, Castropol, e incluso ata fóra do Reino de Galicia. 

Finalmente, encóntrase en Salime un interesante Museo Etnográfico popular que reproduce o típico hábitat galego de montaña coa súa lareira, tear, adega, hórreo e máis unha exposición de máis de 3.000 pezas de labranza, cociña, madreñas, etc..  É posible ver no museo a artesáns da comarca amosando o seu bon facer ao público. 
 

A artesanía da costa

Desde Mondoñedo travésanse as pesqueiras terras de Trabada para chegar a Veigadeo, célebre pola súa artesanía galocheira ou de madreñas e máis polo bon facer xoieiro de Roberto Parga en A Pruida. Seguindo o perfil da ría do Eo, declarada Espacio Natural, arríbase á nobre Castropol, onde se poden admirar reproduccións de elementos e edificios rurais na Casa A Granda, na parroquia de Barres

Volvendo á característica Rasa Cantábrica éntrase no enxebre e turístico porto pesqueiro de Tapia, onde Javier Cancio traballa a xoiería. As praias de Tapia e El Franco son as máis renomadas da comarca xunto ás de Coaña, onde están o Faro de San Agustín e porto de Ortigueira. 

Remontando o Navia camiño de Boal pódense degustar os deliciosos queixos galegos de vaca da Serra de Abredo e o Mel de Boal, exaltado cada Outono na Feira do Mel, festividade gastronómico-comercial de grande popularidade e orixinalidade.

 
lugares
natureza
contos
lecer
economía
pousada
tenda
 britonia@pangalaica.com