SANTALLA DE OSCOS
Terra natal do Marqués de Sargadelos
 
Santalla é a terra máis meridional de Os Oscos, comarca ferreira e berce do insigne Marqués de Sargadelos


Terra do Marqués de Sargadelos

Don Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos, naceu na aldea de Ferreirela, onde aínda quedan restos da súa casa natal. O Marqués, acusado de ter simpatía cara as ideas procedentes de Francia, marchou a Ribadeo e Sargadelos, onde creou os primeiros altos fornos da Península e máis un imperio industrial de cerámicas prestixioso en toda Europa. 

Actualmente, as cerámicas de Sargadelos son un dos xenuinos identificativos artísticos da Galicia contemporánea, simbiose das formas plásticas tradicionais galegas coas novas técnicas modernas. 
 

A Ferrería de Mazonovo

A comarca de Os Oscos, Taramundi e Pontenova son terra de fonda tradición ferreira. En Mazonovo consérvase un magnífico complexo ferreiro aberto ao visitante, abrigado nun val polas alturas da Pena Parda e da Pena Tiñosa. 

O Mazo de Mazonovo é unha excelente mostra da industria ferreira da comarca,  que ata o séc.XIX exportaba material elaborado á Fonsagrada, A Veiga, Castropol, e incluso ata fóra do Reino de Galicia. O Museo Etnográfico de Mazonovo complétase co complexo hidráulico da canle e a presa para o suministro de auga. 
 

Monumentos de Santalla

Testemuño dos primeiros Galaicos consérvanse os castros ou cortíns do Mouro, en Brañavella, e máis o de Ferreira, en Pena Tiñosa, onde tamén se encontra un campo tumular. O cortín de Brañavella emprázase en estratéxica posición nun outeiro de grande desnivel e conserva un dos muros defensivos. 

No tocante á arquitectura popular, destacan os hórreos e cabazos de Santalla, e os muiños de Parada e Veiga do Carro. Exemplos de arquitectura relixiosa son a orixinal e atípica igrexa parroquial de Santalla, a capela de Nosa Señora do Rosario, en Quintá, a capela de A Pruida en Santalla, a de San Simón en Brañavella, a capela de Ferreira e a capela de San Xuán Bautista en Ventoso. 

Mostras notables da arquitectura civil galega de Santalla son a Casona dos Fernández Lombardero, familia célebre polos seus reloxos artesáns, en Ferreirela de Arriba, e máis a Casa de Aquel Cabo do séc.XVIII, en Barcia, que co conxunto formado por casa, capela, muro, portón, hórreo, pombeiro e palleiro conforma a típica homoxeneidade arquitectónica do barroco de Galicia. 
 

Para saber máis de Santalla de Oscos:
Concello de Santalla de Oscos: praza do concello / tel.985 626 032

 
lugares
natureza
contos
lecer
economía
pousada
tenda
 britonia@pangalaica.com