Cunha estratéxica localización natural entre a
ría do Eo e o mar Cantábrico, as vilas de Castropol e Figueiras
presumen de cadanseu caracter señorial e mariñeiro
Castropol, terra de cultura de Fermín Penzol
Castropol
é unha señorial vila, centro tradicional de intercambios
comerciais na ría do Eo e importante estación xacobea. O
Hospital de peregrinos de Castropol, sobre o que se erixiu a igrexa parroquial,
daba repouso aos peregrinos que entraban en Galicia por Navia
ou por Allande, denantes de continuaren o Camiño
a Compostela vía A Fonsagrada ou Mondoñedo.
Estratéxica localización entre o espacio natural da ría
do Eo e o mar Cantábrico, conxúganse en Castropol variadas
actividades de lecer como a práctica da pesca, os deportes
náuticos, ou os roteiros por paraxes naturais como a enseada
de A Berbesa, desde a que se olla un fermoso solpor sobre Ribadeo.
Na rachada rasa costeira, as formas erosionadas do litoral crean paraxes
de grande beleza como a Punta da Cruz, perto das praias de Arnao e
Penarronda. Na Punta do Corno áchase un castro con tres muros defensivos;
outros castros interesantes son os de Lagar, Lantoira e o aterrazado de
Vilavedelle. Centro xeográfico do Eo, Castropol esta rapidamente
comunicado coas praias de Tapia, Ribadeo e Barreiros,
así como coa beleza montesía de Os
Oscos.
Monumentos significativos das terras de Castropol son o enxebre
Pazo de Santa Cruz do Marcenado, a barroca capela de Nosa Señora
do Campo, a Villa Rosita e Casona de Valledor do séc.XVI, os modernistas
Teatro-Casino e Parque de Loriente, e mais o Monumento ao Heroe Villaamil,
mariño morto na Guerra de Cuba.
De nai de Castropol e pai de Ponferrada é o egrexio intelectual
Fermín Penzol, figura sobranceira do galeguismo e valedor
da Fundación Penzol. A súa biblioteca conserva valiosos exemplares
da cultura galega das Terras Navia-Eo, Bierzo, Portelas, Minho e Tras-os-Montes.
Figueiras, vila mariñeira de Sancho Pardo
A
vocacion mariñeira de Santiago de Figueiras maniféstase na
súa historia como antigo centro industrial conserveiro e na súa
actual e afamada industria artesanal de construcción naval. No seu
enxebre
porto pesqueiro pódese admirar o conxunto do que tamén
forman parte a Cofradía de Pescadores e a Capela do Hospital, antigo
repouso dos peregrinos a Santiago de Compostela. Próximo a Figueiras
está vixiante nun outeiro a ermida de San Román, cunha popular
romaría comparable á da Virxe do Carmen coa sua típica
procesión marítima.
As Torres de Donlebún foron lugar natal do Almirante
Sancho Pardo, navigador e Gobernador de Cuba que mantivo á raia
aos corsarios Drake e Hawkings no séc.XVI. Tamén coñecidas
como Pazo dos Pardo, as Torres de Donlebún érguense sobre
o porto amosando o seu conxunto orixinario dos séc.XVI-XIX. Declarado
Monumento Histórico-Artístico, sobrancean a nobre torre central
e as almenas, parte máis recente de influencia fancesa.
Outros monumentos de Figueiras son o Pazo de Peñalba de 1912,
obra dun discípulo de Gaudí e unha das escasas manifestacións
do Art Nouveau en Galicia, e mais a antiga Escola de Orientación
Marítima ou Torre do Reloxo, construída en 1927 e sede actual
da Biblioteca Pública.
Para saber máis sobre Castropol e Figueiras:
Travesías marítimas pola ría do Eo: tel. 910 526
901 / 985 636 150
Concello de Castropol: praza do concello, 1 |