MONDOÑEDO
Capital da provincia bretona do Reino de Galicia
 
Mondoñedo é unha cidade monumental de inxente e admirable legado histórico e cultural. Declarada Conxunto Histórico-Artístico, esta apacible estación xacobea de soberbia Catedral pertenceu ao Mariscal Pardo de Cela, que foi decapitado na Praza da Catedral



Cidade de Pardo de Cela e histórica capital de Britonia

Na invasión de 966-971os viquingos destruíron a antiga capital de Bretoña, polo que se houbo trasladar a Sede ata San Martiño de Mondoñedo. Xa no ano 1112 a Raíña Urraca dispuxo que a Sede dos bretóns quedase en Valíbria, a actual Cidade de Mondoñedo, ratificándoo en 1156 o Rei Afonso VII outorgándolle o titulo de Cidade Moi Nobre e Leal. Neste tempo cedéronse as Terras Navia-Eo e a Britonia tomou para sempre o nome de Provincia de Mondoñedo, ben que aínda alúdese ao orixinal nome bretoñés ata o séc.XIII. 

Capital da provincia bretona ata a eliminación formal do Reino de Galicia en 1833, a antiga Valíbria é aínda Sede do Bispado de Mondoñedo-Ferrol, cunha sublime Catedral, e bastión histórico do Mariscal Pardo de Cela. 

Último defensor da soberanía do Reino de Galicia frente ás arelas anexionistas dos Reyes Católicos, o bretoñés Pardo de Cela resistiu no Castelo da Frouxeira ata ser apreixado nunha traizón. Condenados a morrer decapitados na Praza da Catedral Pardo de Cela e o seu fillo, conta a tradición que ao caer rodando a cabeza do Mariscal, este berrou tres veces "Credo, Credo, Credo!!". O vate Ramón Cabanillas dramatizou este episodio nacional na excelsa obra O Mariscal, que converteu en ópera o o coruñés Losada. 
 

As Covas do Rei Cintoulo

As Covas do Rei Cintoulo, sitas no Monte da Farrapa, en Argomoso, teñen unha lonxitude explorada de 5 km. No seu interior encóntranse estalactitas, estalagmitas e outros tipos de formacións naturais que lle dan ao interior un carácter misterioso e máxico. 

A primeira exploración arqueolóxica efectuouna o Clube de Montañeiros Celtas en 1954, ben que o mindoniense Xosé Villaamil y Castro xa publicara un plano da galería principal en 1873. Daquela acháranse na cova varios fósiles humanos e algúns obxectos coma un puñal de ferro da cultura céltica. A tradición popular afirma que a princesa Xila, filla do rei Cintoulo, está a esperar ao mozo que se atreva a entrar na cova para ceibala do meigallo que a ten presa alí dentro. 
 

Capital cultural de Britonia

A bagaxe cultural de Mondoñedo é das máis ricas de Galicia. Nunha das primeiras imprentas do Reino editouse en 1534 o Sínodo do Bispo Pacheco, e en 1594 o Rexidor Luaces organizou a primeira Festa da Arbore celebrada en Europa. En Mondoñedo foi tamén creado o primeiro Seminario de Galicia no séc.XVI, incorporado posteriormente á Universidade de Santiago e posuidor dun rico e inédito fondo bibliotecario. 

Proceden destas terras bretoñesas universais mindonienses como os lúcidos escritores e poetas Alvaro Cunqueiro, Noriega Varela, Leiras Pulpeiro, ou o compositor do Hino Nacional e da Alborada, o inxel Pascual Veiga. Mondoñedo é a única cidade galega á que lle foron dedicadas 3 edicións do Día das Letras Galegas, celebrándose asemade outros eventos como cursos da Universidade de Verán, xornadas literarias, concertos, etc. 

Son festividades de grande popularidade e tradición o Entroido e máis a Rapa das Bestas de Campo do Oso e o San Xoán do barrio dos Muiños no mes de xuño. En agosto celébranse os Sábados de Vagar, o Día do Turista e o Mercado medieval. As Feiras das San Lucas, o 18 outubro, están declaradas de Interese Turístico Nacional. 

Da excelsa gastronomía de Mondoñedo compre destacar a famosa Tarta de Mondoñedo, e lofo a empanada, carnes e pan. É tamén moi reputada a súa tradicional cerámica. 
 

Mondoñedo, Conxunto Histórico e Artístico

Catedral de Mondoñedo, declarada Monumento Nacional en 1902, mantén unha planta basilical de 3 naves, con pautas arquitectónicas baseadas no Mosteiro de Meira. Construída no 1219 en estilo románico cisterciense, ten sufrido varios engadidos principalmente barrocos. 
Destacan as súas pinturas murais góticas, do séc.XIV, as pinturas da escola de Rubens, e os coros renacentistas e gótico-flamíxeros, así como as súas capelas interiores: a do Santísimo Sacramento, que garda a Virxe Inglesa traída de Londres en 1555, a neoclásica Capela dos Estrada, a plateresca Capela da Concepción, e a renacentista Capela de San Francisco, coa representación da traslación dos restos de Santiago a Galicia. 

Pazo Episcopal, edificio do séc.XVIII con capela interior neogótica e escudo do prelado Riomol e Quiroga. 

Santuario da Nosa Señora dos Remedios, orixinario do séc.XVI e rehabilitado no séc.S.XVIII polo Bispo Sarmento, conserva unha impresionante colección de retablos barrocos e o sartego do seu bispo benefactor. 

Igrexa de Santiago, unha das máis intresantes dentro do estilo neogótico en Galicia, foi construida gracias ao Bispo Fernández de Castro en 1890. 

Convento das Concepcionistas, construído no séc.XVIII xunto unha das antigas portas da muralla e convento de monxas de clausura que elaboran bordados e outros taballos artesáns. 

O Seminario, herdeiro do primeiro seminario de Galicia no séc.XVI, o actual foi construído polo Bispo Losada Quiroga no séc.XVIII en estilo neoclásico e acolle a antiga Biblioteca Pública con máis de 20.000 volumes e 100 incunables. Utilizado primeiramente como Colexio de Gramática, incorporouse en 1780 á Universidade de Santiago. A fachada está presidida por Santa Catalina, patrona dos xovens e filósofos. 

Consistorio Vello, construído no séc.XVI, actualmente Biblioteca Municipal e Oficina de Turismo. 

Hospital de San Pablo e San Lázaro, obra barroca do séc.XVIII, a fachada porta os escudos da Cidade e do Bispo Sarmento. 

Convento dos Picos ou de San Martiño de Vilaourente, sinxelo refuxio xacobeo orixinal do séc.XIV e restaurado no séc.XVIII, desde o que se enxerga unha magnífica vista da cidade. A subida ao convento coñécese co nome do Calvario pola existencia dun Vía Crucis do que se conservan algúns pasos. 

Ponte de San Lázaro, construída no séc.XVIII polo Bispo Sarmento. Entre os seus dous arcos érguense dúas pequenas torres co escudo de Mondoñedo. 

Ponte do Pasatempo, histórico lugar onde foi retida Dona Isabel de Castro, esposa do Mariscal Pardo de Cela cando regresaba de Castela co indulto dos Reyes Católicos para o seu marido. 

Bairros xudeus, típicos asentamentos de rúas angostas, un localízase detrás da Ponte Vella e o outro na ruela da Leña, perto do Seminario. 

Bairro dos Castros. Asentado no Val do Masma e dominado polo outo Pico de Toxiza, o bairro dos Castros foi a primixenia orixe do núcleo poboacional de Valibria ou Mondoñedo. Outros castros na zona son os de Lindín, Zoñán e Santa María Maior. 

Fonte Vella, construída polo Bispo Diego de Souto no séc.XVI, popularmente coñecida como Fonte de Alvaro Cunqueiro. 

Fonte dos Pelamios ou dos catro canos, no bairro dos Muiños, unha das máis populares da Cidade. 

Capela de San Roque, templo do séc.XVI onde os bispos xuraban os foros antes de entrar na Sede de Mondoñedo. 

Capela de Santiago, de vocación xacobea, erixida no séc.XVI. 

Cemiterio Vello, onde repousan fillos egrexios de Mondoñedo como Alvaro Cunqueiro, Pascual Veiga, Leiras Pulpeiro e Pacheco. 
 

Para saber máis sobre Mondoñedo:
Concello de Mondoñedo: rua Oswaldo Codina / tel. 982 561 102

 
lugares
natureza
contos
lecer
economía
pousada
tenda
 britonia@pangalaica.com