TAPIA
Vila mariñeira do Cantábrico
 
O porto mariñeiro de Tapia e as súas praias son o centro turístico de encontro estival das Terras Navia-Eo



Unha vila no mar

Tapia é unha pintoresca vila mariñeira fermosamente situada nunha península avanzada no mar Cantábrico. O núcleo primixenio de As Tapias data dun castro poboado ao abeiro dos mosteiros de San Martín e San Estebo, sendo posteriormente estas terras de Santa María do Monte estación do Camiño de Santiago e productivo porto baleeiro. 

Como típica vila mariñeira, é o porto o centro da vida económica e social de Tapia, ponto de esmorga e encontro nocturno para a xuventude da comarca, namentres que o Parque e as praias concentran durante as horas do día a viva ledicia de turistas e locais. No barrio de San Sebastián hai unha capela adicada a este santo protector da peste e en San Pedro vese a costa desde Castropol e Ribadeo ata Burela. No barrio de San Blas están os miradores de Os Cañois e A Guarda, así como unha ermida mariñeira do séc.XVI. 
 

As praias de Tapia

A variedade e beleza das praias da costa de Tapia atraen cada verán a un grande número de turistas que disfrutan do lecer nos areais de Serantes, Mixota, Santagadea e San Lourenzo, coa súa vella ermida. Na praia da Pomba encóntrase o castro de Esteiro. 

A longa praia de Campos na Vila e a de dourada e fina area de Penarronda, ollando a El Franco, presumen do galardón da Bandeira Azul. Na vila de Tapia, xuventude e familias axúntanse nas súas concurridas catro praias, unidas en longo areal na baixamar. 

Liña costeira inzada de ínsuas ás que frecuentemente se pode camiñar nas mareas baixas, son os seus fondos mariños ideais para mergullar e para a pesca submarina. Outros deportes náuticos practicados en Tapia son o kayak de mar e moi especialmente o surf, ao se celebrar en Semana Santa nestas bravas ondas o Campeonato de Surf de España. 
 

Gastronomía mariñeira e golf

Merecen visita nas terras de Santa María do Monte os restos das minas romanas de ouro de Salave, o Pazo dos Cancio e máis ermida e fonte miragreira da Encortela en Casariego, así como os retablos barrocos da igrexa parroquial de San Andrés en Serantes. Encóntrase en Tapia o Museo de cámaras fotográficas antigas e desde o santuario dos Mártires en A Roda pódese ver a forma da costa bretoñesa. En Rapalcuarto están as magníficas instalacións do Campo de golf, que asegura un bon xogo aos amantes deste deporte. 

O mantel mariñeiro de Tapia é de esmerada calidade e variedade en pescados como o bonito, merluza, lubina, ollomol, rape e rodaballo, e mais nos mariscos como o centolo, bogabante, langosta e percebe. A Caldeirada de Marisco é o prato característico de Tapia. E como postres son deliciosos os caseiros freixolos de entroido, o arroz con leite, e o requeixo. Estes manxares saboréanse con especial alegría durante as vivas festas parroquiais da Virxe do Carme o 16 de xullo. 
 

Para saber máis sobre Tapia:
Oficina de Turismo : Praza da Constitución / Tel. 985 472 968

 
lugares
natureza
contos
lecer
economía
pousada
tenda
 britonia@pangalaica.com