FOZ
A Perla da Mariña
 
A magnífica beleza natural do Cantábrico de Foz e as súas cristalinas augas, galardonadas anualmente coa Bandeira Azul, converten á Perla da Mariña en centro de atracción turística do norte de Galicia



Mondoñedo, sede do Bispado Bretoñés e Monumento Nacional

San Martiño de Mondoñedo foi fundación do Bispo de Dume no séc.IX ao se refuxiar en Britonia do perigo musulmán a súa nobreza e clero. Destruída a capital de Bretoña polos normandos nas invasións de 966-971, o rei Afonso III estableceu en Mondoñedo a nova sede sendo primeiro bispo Sabarico. Mondoñedo foi capital ata 1112 da terra dos bretoñeses, data na que se estableceu a sede definitiva en Valíbria, e foron bispos seus San Rosendo, San Gonzalo "O Bispo Santo" e Nuno Alonso, un dos autores da magnífica Historia Compostelana. 

Templo orixinario do séc.VI aínda que reedificado entre os séc.X e XII, San Martiño de Mondoñedo é a primeira catedral construída no sur de Europa, de planta basilical de 3 naves con 3 ábsides na cabeza. Declarado Monumento Nacional, son de grande interese artístico a xeométrica arte céltica dos seus capiteis, as pinturas murais dos séc. XIV-XVI e mais un románico retablo de pedra, única na arte europea, que representa aos anxos-bispos das Sete Igrexas da Apocalipse. 

O Museu Parroquial anexo á Catedral atesoura unha completa colección da historia dun dos máis influintes Bispados do Reino de Galicia. Entre as pezas exhibidas destacan as pertencentes a San Gonzalo, O Bispo Santo, concretamente o seu sartego, báculo e anel , xoia artística composta de catro cativos animais sostendo unha pedra. Fóra da Catedral áchase a Fonte da Zapata, de atribucións miragreiras xa que o manantial brotou por orde de San Gonzalo. 
 

Foz, Bandeira Azul

Terras turísticas por excelencia, merecen visita os castros de Marzán, Llás, Cangas e Fazouro, datado en máis de 2400 anos, perto da praia de Arealonga. En Marzán achouse un torques considerado como unha das máis perfectas xoias celtas, exhibido no Museu Provincial de Lugo. Outros interesantes monumentos históricos son a igrexa e retablo de Cangas, declarado de Mérito Artístico, a igrexa de Cordido e os conxuntos arquitectónicos de Fazouro e Nois

Importante porto baleeiro e de asteleiros do Reino de Galicia, Foz foi terra do Mariscal Pardo de Cela, que tiña o seu Castelo da Frouxeira na parroquia de Santa Cecilia, outeando longas vistas sobre o Valadouro. Magníficos panoramas da ría enxérganse desde o Alto de Mañente en Vilaronte, o Pico da Lebre, e o Pico da Corneria, lugar sacro dos antigos cultos celto-druídicos. 

Derradeiro tramo da Rasa Cantábrica que procedente de Francia termina en Burela, Foz é moi reputado pola variedade das súas espléndidas praias como as pequenas de Sarrido, Fazouro e Lagoa, a recollida de Areoura, e a concorrida das Polas. Lucen galardón de Bandeira Azul a urbana praia Rapadoira, a da Pampillosa, a de Peizás e mais a longa e fina de Llás. Perto da fermosa praia de Arealonga están o castro de Fazouro e as belas enseadas das Insuas e A Ventoeira. Nos Castelos de San Pedro, a costa rachada resiste a bravura das ondas, creando un escenario de salvaxe emotividade. 
 

Lecer e festa en Foz

Ben que a súa virxe liña costeira convida á practica de deportes náuticos como o surf, windsurf, vela, piragüismo ou pesca, celébranse en Foz eventos importantes como a popular Ruta de Cicloturismo Pardo de Cela ou a Baixada ao Masma, competición de piragüismo de categoría nacional. 

Incomparable, definese así a gastronomía de Foz, ao ser a súa especialidade toda a grande variedade dos mellores productos do mar: lubrigante, centolo, nécora, camaróns, berberechos, navallas, langosta... Organízanse sardiñadas, bonitadas e mexiloadas populares durante o verán. Outras especialidades culinarias de Foz son a Caldereta de Bispo, o Polbo á Feira, linguado á prancha, salmonete, pescada, angula, pataca, e os deliciosos postres galegos de filloas, orellas e queixos. 

Populares celebracións son o Entroido de Foz, a Festa do Carme coa procesión polas alfombras florais en xullo, e as festas patronais de San Lourenzo en agosto, as mais concorridas da zona. Na capela do Alto da Grela celébrase unha piadosa romaría en honra ao Bispo Santo. San Gonzalo, bispo de Britonia, afundiu en miragre a armada normanda que pretendía saquear as terras de Britonia no séc.XI. Desde este sacro e panorámico alto enxérgase toda a ría de Foz e a costa entre Tapia e Burela
 

Para saber máis sobre Foz:
Concello de Foz: Avenida irmáns López Real / tel. 982 140 221

 
lugares
natureza
contos
lecer
economía
pousada
tenda
 britonia@pangalaica.com