O
Marechal Pero Pardo de Cela Aguiar e Ribadeneyra naceu en Castro
d’Ouro fillo dunha das máis nobres linaxes do Reino de Galicia,
os Señores de Cela e de Violante de Aguiar. Intimo amigo dos Condes
de Monterrei e de Lemos, casou con Dona Isabel de Castro, filla da Condesa
Beatriz e de Don Pedro de Osorio, vencellándose así cos poderosos
Condes
de Lemos e con outras importantes linaxes do Reino de Galicia.
O Reino de Galicia encontrábase daquela nunha situación
política delicada tras sufrir dúas Guerras Civís
Irmandiñas e máis a secesión do sur do Reino,
o recente Portugal. Asasinado con veneno o rei Henrique IV, estoupou a
guerra sucesoria entre galegos e casteláns, declarando estes raiña
a Doña Isabel La Católica, en tanto que Galicia defendía
o lexítimo trono da filla de Henrique IV, Dona Xohana A Beltranexa,
A
Excelente Dona, e seu esposo, o rei Afonso de Portugal.
Reorganizado o poder político de Castela, os Reyes Católicos
emprenden a anexión do Reino de Galicia asasinando as principais
familias nobres galegas. Don Pero Pardo de Cela, descendente de Don Fadrique
o irmanasco do rei Pedro I, declárase fiel á soberanía
do Reino de Galicia e rebelde á submisión ao Reino de Castela.
Así, os Reyes casteláns enviaron outro exército
a Galicia para derrotar a Pardo de Cela, continxente comandado polo capitán
basco-francés Mudarra, que eliminou toda a última
resistencia que encontrou ao seu paso,
como afirma o cronista dos Reyes Católicos "que ya parecía
crueldad, y era entonces necesaria; y por eso se hacían muchas carnecerias
de hombres".
A loita entre galegos e casteláns mantívose durante 3
longos anos nas terras de Britonia. Pardo de Cela fíxose forte na
Provincia de Mondoñedo sen que Mudarra poidera facelo recuar. No
resto do Reino de Galicia, a nobreza galega asasinada empezaba a
ser substituída por nobreza castelá e os Reyes Catolicos
dictaban as primeiras medidas da "Doma y Castración del Reyno
de Galicia".
Tras reiterados fracasos militares Mudarra contactou con vasalos do
Marechal dubidosos do resultado final da guerra, aos que lles ofreceu un
grande tesouro e o perdón pola súa rebeldía.
Os desleais vasalos abriron logo as portas do castelo de A
Frouxeira aos casteláns aproveitando a estancia de Pardo de
Cela no castelo de Castro d’Ouro, onde o Marechal estaba a visitar ao leal
Señor Pero de Miranda. De volta á Frouxeira o 7 decembro
1483, o exército de Mudarra prendeu por sorpresa no salón
do castelo ao Marechal e o seu fillo e máis a Don Pero de Miranda,
"con moitos fidalgos onrados que con el estaban", levándoos
a Mondoñedo para execución
pública exemplar. |