Baseada nun feito histórico pervive na tradición
oral britoniense a miragre do Bispo Gonzalo, que liberou a Galicia do perigo
doutra cruenta invasión viquinga
No
tempo das últimas
invasions viquingas ao Reino de Galicia, unha grande frota normanda
intentou penetrar nas terras bretoñesas aló polo séc.XI,
apenas un século despois de teren os viquingos destruído
a capital do Bispado de Britonia.
Trasladada polo Rei Afonso III a nova capital desde a arrasada Bretoña
ata Mondoñedo, era neste tempo
Bispo de Britonia o ancián Gonzalo, home respeitado, querido e con
sona de Santo.
A alerta do avistamento da frota normanda chegou axiña a Mondoñedo,
onde, perante o perigo inminente e dada a carencia de defensas necesarias
para repeler tal ataque masivo, o Bispo Gonzalo decidiu evacuar a cidade
e refuxiarse nas montañas na espera de reforzos.
Así, o Bispo Gonzalo desaloxou a cidade e comezou a marcha cara
ao interior, axuntándose ao numeroso grupo os habitantes de poboacións
veciñas que tamén optaron por se refuxiar dun futuro incerto
en mans dos viquingos.
Ascendendo o Alto da Grela, os refuxiados empezaron a ver no Cantábrico
a inmensa frota normanda que se achegaba rápidamente ás costas
de Britonia. Nun momento piadoso, Gonzalo parou o paso e dispúxose
a pregar polas almas dos seus, sendo imitado polos seus fregueses.
Ao pouco de comezar o Bispo Santo as súas oracións, o
ceo empezou a se encarapuchar, soprando o vento e levantando temporal no
mar. O bon Gonzalo mantíñase pregando en tanto os abraiados
fregueses ollaban como o temporal aumentaba de tal xeito que a frota viquinga
empezaba a amosar dificultades para entrar na ría.
As violentas ondas e o vento empezaron a afundir naves viquingas, que
non podían chegar a terra nen escapar ao mar aberto. E o Bispo Gonzalo
seguía pregando namentres lóstregos e xigantescas ondas ían
naufragando toda a frota, barco tras barco, ata que nada quedou sobre o
mar...
O Bispo Santo logo abriu os ollos e, diante dos seus atónitos
fregueses exclamou:
- "Pidámoslle a Deus que nos permita sermos sempre libres
e poidamos levar por toda a terra da Galiza esta ditosa nova!".
Desde
entón, celébrase na capela do Bispo Santo do Alto da Grela
unha moi popular romaría, recordo da miragre de Gonzalo. Outramente,
no Museu da Catedral de Mondoñedo de Foz exhíbense o sartego,
báculo e anel do Bispo bretoñés, e na próxima
Fonte da Zapata a tradición atribúelle outra miragre a San
Gonzalo.
|