ROTEIRO DO MARECHAL
 
O roteiro do Marechal Pero Pardo de Cela recrea os principais lugares históricos daquel episodio decisivo na historia do Reino de Galicia


Viveiro, Cidade de Pardo de Cela

A monumental cidade de Viveiro, capital comarcal máis septentrional de Galicia e centro turístico estival, foi outrora señorío do Marechal, "Alcallde do concello e a sua terra e jurdiçon" ata a súa derrota e execución en Mondoñedo. 

O Convento de San Francisco, conxunto declarado Monumento Histórico Nacional de estilos románico e gótico, atesoura o sartego de Dona Constanza de Castro, filla do Marechal. Constanza de Castro e o seu home, o Señor Fernán Arias de Saavedra, loitaran co Marechal desde o castelo de Caldaloba na Terra Cha para manter a soberanía do Reino de Galicia contra as arelas anexionistas dos Reyes Católicos. 

O sartego de Dona Constanza de Castro é o único conservado da linaxe dos Pardo de Cela, xa que os corpos do Marechal e do seu fillo foron feitos desaparecer para evitar a súa popular veneración. A heroína Dona Constanza foi elevada polo pobo á categoría de Santa, e ao seu pasamento recibiu a admiración e o eterno respeito do pobo das antigas terras de Pero Pardo de Cela. 
 

O Val do río Ouro, lar do Marechal

O Marechal Pero Pardo de Cela Aguiar e Ribadeneyra naceu en Castro d’Ouro fillo dunha das máis nobres linaxes do Reino de Galicia, os Señores de Cela e de Violante de Aguiar. Intimo amigo dos Condes de Monterrei e de Lemos, casou con Dona Isabel de Castro, filla da Condesa Beatriz e de Don Pedro de Osorio, vencellándose así cos poderosos Condes de Lemos e con outras importantes linaxes do Reino de Galicia. 

Ben que o derradeiro bastión galego na guerra entre os reinos de Galicia e de Castela foi a Cidade de Ponferrada, o Val do Ouro foi o cenario decisivo da confrontación protagonizada entre O Marechal e os Reyes Católicos. 
 

O Castelo de A Frouxeira

Durante 3 anos, Pardo de Cela resistiu ao exército castelán enviado para derrotalo ata a traizón que lle custaría a vida. 

Entre as parroquias de Santa Cecilia e Adelán, outeando longas vistas sobre o Valadouro, xacen as históricas ruínas do Castelo de A Frouxeira, principal e estratéxica praza de Pardo de Cela.O Marechal foi prendido por sorpresa no salón do castelo, que foi mandado destruir tras súa a execución. 

Outra das fortalezas do Marechal é a Torre da Homaxe de Alfoz, construída no séc.XV sobre un estratéxico castro con vistas sobre o Val do Ouro. Castelo de estilo gótico destruído tras a súa execución, foi rehabilitado a comezos do século XX como Casa do Concello, conservando aínda parte da capela e dos muros defensivos. 
 

A execución de Mondoñedo

Prendido o 7 decembro 1483 tras 3 anos de belixerancia militar contra o Reino de Castela e Aragón, O Marechal foi condenado a execución pública en Mondoñedo, capital de provincia do Reino de Galicia, xunto ao seu fillo e ao nobre e leal Señor Pero de Miranda. As cadeas que suxeitaron os pes de Pardo de Cela na prisión antes da súa execución, A Mariscala, exhíbense ao público no Museo Provincial de Lugo

Dona Isabel de Castro, esposa de Pardo de Cela, que voltaba a Mondoñedo dez días máis tarde cun indulto Real, foi retida á entrada da cidade polos homes de Fadrique de Guzmán, Bispo de Mondoñedo, inimigo mortal do Marechal. O bispo traidor fixo entreter na chamada Ponte do Pasatempo á Dama namentres se apuraba a execución na Praza da Catedral. 

O día 17 decembro 1483, diante dunha multitude que esperaba o indulto para o seu Señor, o último defensor da soberanía do Reino de Galicia era decapitado na Praza de Mondoñedo, rodando a súa cabeza ata a porta da Catedral ao tempo que gritaba: 

- CREDO!, CREDO!, CREDO!
 

Tras o 17 decembro 1483 sucumbiron ao Reino de Castela outros nobres galegos leais á soberanía de Galicia, moitos deles vasalos do Marechal. 

O vate Ramón Cabanillas dramatizou este episodio nacional na excelsa obra O Mariscal, que convertiu en ópera o coruñés Losada.

 
lugares
natureza
contos
lecer
economía
pousada
tenda
 britonia@pangalaica.com