MEIRA
Nacemento do río Miño
 
Terras do sur de Britonia, Meira é unha verde e repousada paraxe famosa por ser berce do río Miño e máis pola monumentalidade e historia do seu cenobio cisterciense



O Mosteiro Cisterciense de Meira

Paraxes célticas e soedosas incitantes á meditacion e ao retiro mundano, varios dos piadosos ermitáns destas terras bretoñesas reuníronse no ano 995 fundando unha comunidade dedicada ao Salvador. A pequena igrexa construída polo Abade Xiraldo tornaría en 1258 nun espléndido mosteiro consagrado polo Bispo de Lugo sendo Eimerico o Abade do cenobio. 

Obxecto de donacións e privilexios por parte da Realeza Galega desde o séc.XII, o Mosteiro de Meira chegou a extender xurisdicción desde Ortigueira e Ribadeo ata Os Peares. No ano 1600 fundouse en Meira o Colexio de Filosofía, un avanzado centro de estudos de grande sona no Reino de Galicia. Víctima das guerras Napoleónica e Carlista así como da Exclaustración, desapareceu no séc.XIX a comunidade relixiosa arruinándose posteriormente o cenobio. 

Do primitivo mosteiro, declarado Monumento Histórico-Artistico en 1931, consérvase o claustro renacentista do séc.XVI e a igrexa de Santa María, pertencente ao rómanico-borgoñés. A curiosa igrexa de Santa María, fidel ás sobrias pautas estilísticas de Fontenay e carente de influencias compostelanas, consta dunha pranta de cruz latina con 3 naves no brazo maior, unha no cruceiro, e 5 capelas na cabeceira, incluindo unha chirola ou sacristía interior. 
 

Irimia, berce do río Miño

Nas altitudes ondulantes da Serra de Meira, divisoria das cuncas fluviais do Miño e do Eo, encóntrase o lugar de Corveceiras, no nacemento do río Miño. No Pedregal de Irimia nace o máis lonxevo e caudaloso dos ríos galegos, que percorre diagonalmente Galicia ata deitar as súas augas no Atlántico, observado polo Monte de Santa Trega. 

O Pedregal de Irimia e a Serra de Meira ofrecen excursións con excelentes panoramas das terras de Riotorto e A Pontenova, e encóntrase tamén unha axeitada área de lecer en Regolongo. Son célebres na comarca os eventos festivo-comerciais da Feira de Meira, organizada xunto ao monumental mosteiro, e o mercado gandeiro de Fonte dos Mouros. Outras festividades populares son as Festas da Nosa Señora e San Roque, e máis a Festa da Malla, ambas en Agosto. 
 

Para saber máis sobre Meira:
Concello de Meira: praza do concello / tel.982 330 102

 
lugares
natureza
contos
lecer
economía
pousada
tenda
 britonia@pangalaica.com