MURAS
As montañas máis septentrionais de Galicia
 
As maiores altitudes da Britonia occidental, berce dos ríos Landro e Eume, son paraxes soedosas de extraordinaria beleza e riqueza natural



A beleza natural da Serra do Xistral

A Serra do Xistral é unha das paraxes máis descoñecidas e deshabitadas de Galicia. O Xistral son tamén as montañas máis norteñas do Reino de Galicia, con altitudes que superan os 1000 m. e acadan a máxima cota no Cadramón, de 1060 m., un dos maiores altos de Britonia. 

Os ventos baten todo o ano nos montes onde se encontra un único e célebre mineral denominado Cuarcita do Xistral. O clima frío e húmido destas terras causou unha paisaxe deshabitada, poboada unicamente por reses de gando cabalar e bovino que crían en total liberdade nos prados naturais, e ocasionalmente por pequenas aldeas que se confunden coas formas da montaña do Xistral. 

A extensa e poderosa Serra do Xistral descende cara ao Cantábrico por terras de Ourol e do Valadouro, deitando tamén augas na Terra Cha por Abadín, e no río Sor polas terras de Mañón. Serra do Xistral e Ribeiras do Río Sor están declaradas Espacios Naturais Protexidos, e son o destino idóneo para os amantes do trekking en paraxes de grande beleza natural. 
 

Terras e xentes de Muras

Desde a parroquia de Muras pódese acceder aos altos do Xistral por unha pintoresca e paisaxística estradiña de montaña que travesa os Montes de Guriscado ata Viveiró e logo Silán, no nacemento do río Landro, onde se conserva unha torre medieval do século XII. 

A parroquia de Balsa conta cunha igrexa románica do século XII, nun pintoresco emprazamento, non lonxe do nacemento do río Eume. Na parroquia de Burgo encóntrase outra igrexa orixinaria do século XII, aínda que ésta sufriu varias reformas posteriores, e algunhas lembranzas da Casa Forte de Muras dos condes de Lemos na Casa Rectoral. 

A igrexa parroquial de Muras foi reconstruida e ampliada en 1678, e no seu interior gárdase unha interesante cruz de prata do século XVII. A torre é do século XIX e a Casa Rectoral é do XVI. Muras conta tamén cunha área de lecer e cunha praia na fermosa paraxe fluvial que forma o río Eume ao paso pola vila. 

As festividades máis importantes son o San Pedro de Muras o 29-30 xuño e 7 xullo, con procesión e sardiñada, e máis a Feira do Potro e Gando Bravo o último domingo de setembro no monte da Gañidoira, coa tradicional carreira de cabalos. 
 

Para saber máis sobre Muras:
Concello de Muras: praza do concello, 3 / tel. 982 500 001

 
lugares
natureza
contos
lecer
economía
pousada
tenda
 britonia@pangalaica.com