MAÑÓN
Extremo norte do Reino de Galicia
 
A Estaca de Bares e o Cabo de Bares son as extremas septentrionais do Reino de Galicia, esgrevia Paraxe Natural de incomparable e conmovedora beleza



A Paraxe Natural da península de Bares

Atlántico e Cantábrico únense na punta máis septentrional do Reino de Galicia. A Serra da Coriscada, derradeira prolongación da Cordal Galega, descende desde Muras ata a Península de Bares ofrecendo un dos máis belos panoramas atlánticos no Pico da Meda.

Landas senlleiras nas que natureza e vento reinan sobre o home, tanto a magnificencia paisaxística como a súa localización privilexiada motivaron que Bares fora declarado Zona Natural de Interese Nacional e Zona Protexida

O río Sor descende perto ao abeiro da Serra da Faladoira, formando rápidos e saltos de grande esplendor ata fundir as súas inquedas augas na ría do Barqueiro, entrante de escarpado litoral e brancos areais compartidos co Vicedo. As serras da Coriscada e da Faladoira crean particulares microclimas como o da parroquia de Ribeiras do Sor, onde as benignas temperaturas permiten o medre da maior plantación de camelias de Europa
 

As terras máis occidentais dos bretóns de Galicia

No ano 916 o Bispado bretoñés de Mondoñedo incluiu nos seus dominios o mosteiro, porto e terras do Señorío de Mogor, fundación britónica que significa "castro". Vestixios presentes dos antergos poboadores do Señorío de Mogor son as mámoas e a necrópole galaica de Cancela da Coxa de Arcos, perto do antigo porto celta da parroquia de Bares. 

Do legado arquitectónico destas terras destaca o Pazo de San Fiz, a Torre de Lama, e a medieval Ponte do Porto do Camiño Real Viveiro-Ortigueira, onde se encontra o marco do límite entre as provincias de Mondoñedo e Betanzos. Ao pé do Parque Eólico de Bares consérvanse os vellos muiños de vento e auga, típico exemplo da arquitectura popular galega, tanto como as enxebres igrexas parroquiais de San Cristovo das Ribeiras do Sor, Mañón, e Grañas do Sor. 

Outros atractivos turísticos comprenden a impresionante Zona Natural, o semáforo e máis o parque eólico de Bares, as ruínas da Base Militar norteamericana e o conxunto arquitectónico do porto do Barqueiro no Esteiro do Sor. Posuen un grande atractivo natural os coutos de pesca de Segade, Ribeiras e Ulló, e as praias de Igrexa Vella, Vilela e Esteiro, galardonada esta coa Bandeira Azul. As festividades máis celebradas son as de San Pedro de Bares o 29 xuño, e a Virxe do Carme no 16 de xullo, con procesión marítima polo Barqueiro. 
 

Para saber máis de Mañón:
Concello de Mañón: praza do Mesón,1. O Barqueiro / tel. 981 414 002

 
lugares
natureza
contos
lecer
economía
pousada
tenda
 britonia@pangalaica.com