Grabados

grabado Mámoa da Braña

Mámoa da Braña

grabado Dombate

Dolmen de Dombate

grabado Roza das Modias

Roza das Modias

 

    Son moi numerosos os gravados aparecidos decorando os esteos dos dólmenes galegos. Están feitos na súa maioría batendo a pedra cun obxecto lítico puntiagudo que vai facendo un surco. Traemos a esta sección as mostras máis significativas deste tipo de decoración.

    A foto que describe a Mámoa da Braña, corresponde co esteo nº 2 da súa cámara megalítica, desfeita ó facer traballos agrícolas. Na actualidade está depositada no Museo de Pontevedra. Resultan visibles os ondulados verticais e unha fiada de círculos.

    A foto correspondente ó dolmen de Dombate,, en Cabana (A Coruña), representa un curiosísimo motivo presente en catro das súas chantas, repetíndose cinco veces nunha delas. Estes gravados foron feitos antes que a decoración pictórica da anta. A especialista irlandesa Elizabeth Shee, quizáis a máxima autoridade mundial sobre arte megalítica, chama a este motivo "The thing", literalmente "A cousa", na súa prodixiosa obra The Megalithic Art of Western Europe (1981). Este tipo de gravado corresponde exclusivamente a esta área xeográfica, aparecendo tamén con lixeiras variacións no dolmen de Casa dos Mouros (A Coruña).

        A imaxe da dereita mostra un dos esteos do dolmen de Roza das Modias, en Vilalba (Lugo), coas súas liñas serpentiformes que teñen sido interpretadas como representacións de auga ou de auténticas serpes, aínda que non deixan de ser hipótese de difícil comprobación. Motivos semellantes aparecen nunha chanta do dolmen de Parada de Alperiz (Pontevedra).

Na anta de Mota Grande, en Verea (Ourense), actualmente oculto, atopouse no segundo esteo pola esquerda, un interesante gravado cunha forma que lembra vagamente unha campá con dúas zonas no seu centro de forma ovalada que semellan un altorrelevo.

    Outros dólmenes galegos con gravados de interese son o de Chan de Castiñeiras, en Marín (Pontevedra), con liñas horizontais onduladas en dúas das súas chantas; e un esteo da Mámoa de Espiñaredo, en Negreira (A Coruña), oculto na actualidade, cunha decoración na que non faltan signos circulares ou serpentiformes e un motivo interpretado como un puñal. Tamén en moitos megalitos galegos aparacen gravadas numerosas cazoletas.