Glosario

Aixola: Utensilio cortante de folla ancha empregado para desbastar madeira e baleirar troncos. Suxéitase de xeito perpendicular a un hastil de madeira.

Calcolítico: Período da Prehistoria no que se inicia a metalurxia, sendo o cobre o primeiro metal traballado. En Galicia xorde aproximadamente en torno ó ano 2.300 A.C.

Campaniforme: Tipo de cerámica aparecida na fase final do Megalitismo caracterizada pola súa forma de campá invertida e decoración con bandas.

Carbono 14: Sistema de datación absoluta baseado no contido do isótopo radiactivo C-14 existente en materias orgánicas prehistóricas (carbón vexetal, ósos, madeira...) que se vai desintegrando a partir da morte dun ser vivo cunha cadencia fixa. Proporciona datacións lixeiramente máis baixas que as do calendario real.

Cazoleta: Pequeno oco circular escavado na pedra que aparece sobre a superficie dalgunhas pedrafitas ou esteos megalíticos. Pode atoparse illado ou formando agrupacións.

Cista: Estructura funeraria de forma cuadrangular, xeralmente megalítica, na que se introducía o cadáver, acompañado do seu enxoval funerario. En Galicia aparece na fase final do Megalitismo.

Cromlech: Palabra de orixe bretona que fai referencia ós círculos líticos construídos durante a derradeira fase do Neolítico e durante o Calcolítico.

Dendrocronoloxía:Sistema de datación que estudia os aneis de crecemento das árbores, que se emprega para datar obxectos e estructuras de madeira que aparecen nos xacementos arqueolóxicos. Serve para corrixi-las datacións obtidas a partir do Carbono 14.

Dolmen: Palabra de orixe bretona que significa "mesa de pedra". Usámola para nos referir ás sepulturas megalíticas colectivas estendidas por Europa Occidental. O termo "anta" é o seu equivalente en galego, aínda que aparecen outras denominacións máis populares como "casota", "forno", "mina" ou "arca".

Enterramiento secundario: Práctica funeraria consistente en leva-los restos dun cadáver dende o lugar do seu enterramento orixinal ata unha tumba ou osario.

Enxoval: Conxunto de obxectos (puntas de frecha, machados, aixolas, cerámicas...) e de alimentos que se depositaban nas cámaras megalíticas a carón de cada corpo.

Ídolo: Así son chamadas en Galiza as pequenas figuras lixeiramente antropomorfas aparecidas nas escavacións dalgunhas antas, fronte ó corredor de acceso e no límite da mámoa. Se teñen forma troncocónica e aspecto de canto rodado reciben o nome de betilos.

Incineración: Ritual funerario no que se queima o cadáver, e no que as súas cinzas poden ser depositadas nunha vasixa de cerámica que logo é enterrada ou metidas nun oco escavado directamente no solo.

Inhumación: Ritual funerario consistente en deposita-los cadáveres, xeralmente en posición fetal, sen telos sometidos a ningunha operación post mortem, arrimados ás paredes laterais dos dólmenes. Adoitaban estar acompañados dun enxoval funerario.

Menhir: Palabra de orixe bretona que significa pedra fincada. Úsase para referirse ós grandes monolitos levantados durante a Prehistoria en Europa Occidental, ben sexa illados ou formando aliñamentos. En galego empregámo-lo termo "pedrafita".

Microlito:Pequena folla de sílex, xeralmente triangular, que se colocaba en fustes de madeira ou óso para ser empregada como punta de frecha ou como arpón.

Mouros: Seres imaxinarios presentes na memoria do labrego galego que os fai responsables da construcción das mámoas e dos castros, tan presentes e tan visibles na paisaxe de Galiza.

Neolítico: Período da Prehistoria no que a economía do Paleolítico baseada na caza e na colleita de plantas silvestres, é substituída por unha economía na que se producen alimentos, gracias á domesticación de animais (gandería) e o cultivo da terra (agricultura). Esto contribuíu a que apareceran as primeiras aldeas, asentamentos humanos permanentes. Outras aportacións deste período son a mellora da talla da pedra, a aparición da cerámica e o tecido do liño. Dinfundiuse dente Oriente Medio seguindo as costas mediterráneas e as chairas do Danubio, chegando ó Levante español no VI milenio A.C.

Ortostato: Cada unha das pedras verticais empregadas na construcción dun dolmen. En galego emprégase habitualmente "esteo" ou "chanta" para referirnos a este termo.

Paleosolo: Solo antigo, anterior á construcción dunha anta e do que se poden obter datos baixo a camára ou a mámoa. É especialmente valiosa, polos numerosos datos que proporciona, a análise dos pólenes e das sementes que aparecen no curso dunha cavaxe.

Termoluminiscencia: Sistema de datación aplicable a materiais inorgánicos, especialmente cerámica, que foran quentados ou queimados, xa que mide a cantidade de luz emitida entre a última vez en que foi sometido a un lume e o quecemento ó que se somete para a súa análise.

Túmulo: Montículo artificial de terra ou de terra e pedras que cobre ou envolve un dolmen, aínda que sexa posible encontrar estructuras funerarias sen cámara megalítica. Na lingua galega existen numerosos termos para nomear esta palabra sendo o máis coñecido "mámoa", espallado por toda a xeografía de Galiza, empregándose tamén "madorna" (na serra de Meira), "medoña" (en diversas zonas de Lugo e A Coruña), "medorra" (na comarca de Ordes), "modia" (na Terra Chá), "madroa" (na área de Vigo", ou "mota" (no sudoeste da provincia de Ourense).

Variscita: Mineral verdoso moi apreciado na Prehistoria para a fabricación de adornos, especialmente colares.