Los ajuares

Punta de Frecha

Coitelo de Silex

Aixola

Cincel

Macheta dobre

Maza

 

    Están constituídos polo conxunto de obxectos e alimentos que, a xeito de ofrenda, se depositan a carón do cadáver nos enterramentos da época megalítica. A caste de obxectos atopados foi facéndose máis complexa a medida que o fenómeno megalítico acadaba un maior desenvolvemento. Nun primeiro momento, no que os dólmenes son simples cámaras poligonais, colocábanse diversos úteis de pedra lascada, como puntas de frecha, láminas de sílex (empregadas como coitelos) e microlitos, pequenos úteis de pedra, puntiagudos que se intertarían en machados ou arpóns. É chamativa a presencia de puntas de frecha, nun período no que a economía baseada na caza, foi substituída por outra na que a domesticación da gando e o cultivo da terra son preferentes. Xa que logo, a súa presencia nos enxovais funerarios é probablemente simbólica, como dando a entender que o home aínde se sinte un cazador. Aparecen tamén diversos úteis de pedra pulimentada, como machados ou aixolas, pequenas contas de cor verde, de variscita, usadas para a confección de colares e outros obxectos de adorno, e algúns restos de cerámica lisa, sen decorar.

   Nos dólmenes de corredor, máis complexos, aparece unha industria lítica máis elaborada, con novas ferramentas como cinceis ou mazas e úteis de dobre corte (bipennes), como os machados dobres. As formas máis sinxelas perviven tamén durante case toda a época megalítica.

    A cerámica comeza a ser decorada, sobre todo seguindo dous motivos, o primeiro deles practicando pequenas incisións na superficie, como era o caso do vaso tetralobulado aparecido no túmulo nº 5 da necrópole do Buriz (Lugo), exemplar de gran orixinalidade, vergonzosamente perdido, que parece representar á deusa nai neolítica (aínda que non menos triste foi o destino da cámara megalítica que o acubillaba, e doutra da que foron roubados os seus esteos no ano 1994, sendo como era unha das de maior espectacularidade de Galiza); e un segundo coñecido como cerámica campaniforme pola adopción da forma de campá invertida decorada a base de bandas transversais e simétricas como os coñecidos vasos atopados na mámoa 242 de Veiga dos Mouros, no concello das Pontes, hoxe en día na Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela.

    Son escasos, nembargantes, os restos metálicos por razóns cronolóxicas que resultan evidentes. Cando aparecen, hai que pensar en reutilizacións dos dólmenes en épocas posteriores á súa construcción, como é o caso dos vasos e puntas de bronce aparecidos nas escavacións da Mina da Parxubeira e da necrópole de Marco de Camballón.

    Para unha maior información, nada mellor que acudir ós traballos dos especialistas, que os hai excelentes en Galiza, como o profesor Ramón Fábregas, autor de exhaustivos estudios sobre os úteis de pedra aparecidos nos megalitos galegos.

Cerámica lisa

 

 

Cerámica campaniforme

 

O Buriz (Vista posterior)

 

 

O Buriz (Vista lateral)

arriba