AS TERRAS NAVIA-EO
no Reino de Galicia
 
O ANTIGO RÉXIME

A poucos anos do séc.XVII, o rei Felipe II recortou substancialmente os límites territoriais-administrativos do Reino de Galicia, gardando Asturias e León as ricas comarcas de Sanabria, Bierzo e Navia-Eo. 

Se internacionalmente boa parte da cartografía europea de ata finais do séc.XVIII aínda sitúa a Navia como fronteira oriental do Reino de Galicia, outro tanto acontece no interior, onde os límites de Galicia deberon ser revisados na División de España en Provincias e Intendencias de Floridablanca en 1785. Así, Valdeorras convértese temporalmente na 4º comarca galega en ser apartada do Reino. 
 

SÉCULO XIX

A confusión xeral sobre o recorte territorial do Reino de Galicia motivou a publicación de varias Reais Ordes Aclaratorias e a aparición de numerosas contradiccións nos escritos públicos. As terras de As Portelas, apartadas de Galicia en 1789, volveron ao Reino en 1822, pero foron tomadas por Castela definitivamente en 1833. Eliminado formalmente o Reino de Galicia tras a instauración das Provincias, o Goberno de José Bonaparte reintegrou as comarcas orientais en Galicia. 

Paradóxicamente, a Xunta do Reino de Galicia sería o primeiro país europeo en derrotar, coa axuda de Inglaterra, aos exércitos napoleónicos. En 1821 preséntanse nas Cortes españolas proxectos gobernamentais para a división do territorio en Audiencias e en distritos militares, incluíndo en Galicia as Terras Navia-Eo e O Bierzo. 

Constatándose os manifestos esforzos de O Bierzo por se constituir en provincia de Galicia, presentouse no Congreso de los Diputados en 1842 unha proposta para crear a quinta provincia galega de Ribadeo, que abranguía as Terras Navia-Eo. En 1856, coa célebre Desamortización de Madoz, tivéronse que dictar disposicións especiais para o peculiar ordenamento galaico das provincias de Galicia e as partes occidentais de Asturias e León. 
 

O PRESENTE SÉCULO

Xa cara finais do séc.XIX xorden unha pléiade de intelectuais e poetas como Conrado Vilar e Antolín Santos de Taramundi, Armando Cotarelo de A Veiga ou Fermín Penzol de Castropol, e todos os movementos sociais galegos reclaman o dereito das comarcas da Galicia Irredenta a se reintegraren en Galicia. Así, unha delegación de veciños da naviesa Santa Comba de Coutos foi en 1932 pedir ao Ministro da Gobernación, o galego Santiago Casares Quiroga, a súa incorporación a Navia de Suarna. 

A identidade galega das Terras Navia-Eo institucionalizouse desde 1986 coa fundación en Eilao da Mesa prá Defensa do Galego de Asturias (MDGA), evento ao que lle seguiu o II Congreso da Lingua e a Cultura Galega da Terra Navia-Eo, O Bierzo e As Portelas, e as I Xornadas da Lingua e da Cultura Galega de Asturias. 

Anque xa desde 1982 o Parlamento Galego destinaba partidas para as terras galegas de fóra do territorio autónomo, o Acordo de Cooperación entre Galicia e Asturias de 1984 sobre Ordenación do Territorio na Comarca do Eo é o primeiro desta índole que se asina no Estado español. 

Ainda hoxe os intercambios económicos e culturais son máis dinámicos cara as beiras do Eo que para o este do Navia. Se hai anos as xentes de Oscos e Navia costeaban eles mesmos repetidores para poderen recibir a TVG, actualmente é a Unión Europea a que recoñece, con feitos como a creación do Centro Gallaecia para a Innovación e a Transferencia Tecnolóxica, a unidade cultural dun rico e influinte país bimilenario aberto ás xentes e nacións de todo o mundo. 
 

Para saber máis sobre a situación socio-lingüística das Terras Navia-Eo:
Lingua e Cultura Galega de Asturias, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1994 
A Galicia Irrendenta, Alvaro Xosé López Mira, Edicións Xerais de Galicia, 1998

 
lugares
natureza
contos
lecer
economía
pousada
tenda
 britonia@pangalaica.com