As aventuras do Rei Artur son patrimonio da literatura universal
e incluso as súas fazañas teñen sido levadas ao cinema
varias veces. Estas son as orixes desta lenda e, en concreto, da extraordinaria
influencia que este mito exerceu na cultura galega
Un mito baseado nun feito real
O mito do Rei Artur, de orixes moi antigas, parte dun acontecemento
histórico certo: Artur (501-542) foi un rei bretón
que gobernou nas terras da Cornualla e do Devon. No tempo das invasións
de anglos e saxóns na Britannia, moitos bretóns fuxiron masivamente
ás terras de Armórica e Gallaecia,
pero os máis quedaron a loitar contra os xermánicos. Artur
foi quen de unir aos castros e vilas bretonas organizando unha resistencia
que impediu a aqueles conquerir o suleste da illa durante moitos anos.
Na Materia de Bretaña mestúranse o feito histórico
das guerras do Rei Artur contra os saxóns, o fondo mitolóxico
celta, e a relixiosidade cristiá europea do primeiro milenio. Esta
amalgama de elementos románticos e sobrenaturais fascinou de tal
xeito ao público medieval que, desde o lugar orixinario da literatura
arturiana, ésta expandiuse rápidamente da Dinamarca ao Portugal,
de Irlanda a Bohemia, en todas as linguas europeas.
A chegada da Materia de Bretaña en Galicia
A Materia de Bretaña foi coñecida moi cedo no Reino de
Galicia. No Museu da Catedral de Santiago de Compostela está exposta
unha columna procedente da antiga fachada norte da Catedral na que se representan
varios episodios da vida de Tristán, confirmando así que
unha primitiva versión do Libro de Tristán era xa
coñecida en Compostela por volta de 1105-1110.
O emprazamento do Tristán na Porta Francíxena fai supór
a chegada da Materia de Bretaña a Galicia polas peregrinacións
de Scoti, Galli, Britones, Cornubienses, como relata o Codex
Calixtinus. Mais compre ter en conta a teoría dun traspaso orixinado
nas relacións marítimas coas Bretañas, lembrando que
o Bispado de Bretoña mantivo
contacto con outros mosteiros céltigos destes países.
A partir do séc.XIII os poetas galegos manifestan nos Cancioneiros
e Cantigas a grande influencia arturiana, destacando o Códice Colocci-Brancuti
e as composicións do Rei Afonso X O Sabio, un dos principais exportadores
da Materia de Bretaña aos reinos lindantes con Galicia.
A Materia de Bretaña na cultura popular galega
Os pobos celtas caracterízanse pola importancia da súa
tradición oral, especialmente viva en Irlanda, Bretaña e
Galicia. De relación directa co Ciclo Bretón son as lendas
de Santo Amaro, San Brandán e doutros buscadores
do Paradiso, contos procedentes dos Imrama, relatos compostos
en Irlanda desde o séc.VII, que nos lembran as viaxes que en semellantes
condicións realizan as personaxes da epopeia céltiga: Tristán,
Galahad...
De
especial relevancia é a Lenda do Santo Graal, relacionada
con numerosos santuarios eucarísticos galegos, e especialmente co
do Cebreiro. O Santo Graal é a Bandeira Galega histórica,
actualmente Escudo Nacional, e tamén símbolo da Cornualla.
A imaxe do Rei Artur ou Artús continúa presente
en nomes de familia e nas lendas da Lagoa de Antela, segundo as cais o
Rei xace aló submerxido, acompañado polos seus cabaleiros,
encantados baixo forma de insectos, esperando o día que Artús
esperte do seu sono.
Do druída Merlín pervive unha máis vaga
presenza. Tres parroquias reciben o seu nome na Serra do Careón,
na Serra de Orrea, e máis en Chantada.
Consérvase un dito popular moi significativo "Sabes máis
que Merlín". Leandro Carré afirma que escoitara
falar de Merlín e que os vellos da súa aldea só lembraban
que Merlín era un home "que sabía moito". Alvaro
Cunqueiro di ter escrito Merlín e Familia evocando os contos
de Merlín que lle contaba de cativo unha vella criada.
A Materia de Bretaña na literatura galega contemporánea
Tras o colapso económico e cultural da anexión ao Reino
de Castela, o Romantismo marca o renacemento da Materia de Bretaña
na literatura galega, destacando Ramón
Cabanillas como o autor que máis evocou as aventuras arturianas
nas súas obras (A Espada Escalibur, O Rei Artur, O Cabaleiro do
Santo Grial, O fillo de Celt...).
Máis recentemente, escritores da categoría de Alvaro
Cunqueiro (Merlín e Familia, Crónicas do Sochantre) ou
Xosé
Luís Méndez Ferrín (Percival e outras historias)
contribuiron con obras recoñecidas como parte da mellor literatura
galega do séc.XX a afirmar a existencia dun
xénero bretón
xenuinamente galego, atribuido por investigadores da categoría
de Henry Thomas, Menéndez Pelayo, Pierre David ou Rodrigues Lapa
á afinidade étnica e espiritual céltiga.
Extracto do artigo de Anxo Abelaira "A Materia de Bretaña
en Galiza"
Galiza-Breizh, Número 6, Outono 1996 |