Pintura

 
Pintura de Dombate

Dolmen de Dombate

Pintura de Pedra Cuberta

Pedra Cuberta

Pintura de forno dos Mouros

Forno dos Mouros

Pintura de Couto dos Mouros

Couto dos Mouros

 

    Nos últimos anos aumentou o interese polo estudio da arte megalítica en Galiza, en parte, debido ós achados de restos pictóricos en Dombate e Forno dos Mouros. O primeiro que se ocupou da pintura megalítica foi Venancio Moreno en 1874, ó dar noticia dun dolmen pintado, hoxe desaparecido, en Codesás, municipio de Melón (Ourense). Manuel Murguía reproduciu os debuxos das pinturas na segunda edición da súa Historia de Galicia. Tamén o arqueólogo Federico Maciñeira documentou a existencia de pintura en Penadagia, na Serra da Capelada (A Coruña), nos primeiros anos do século XX.

    Pero é en 1934 cando Galiza nace para a literatura arqueolóxica, o desvelar o arqueólogo alemán Georg Leisner ante a comunidade internacional, a existencia dun dolmen cunha extraordinaria decoración pictórica, o dePedra Cuberta,situado no concello coruñés de Vimianzo. No seu estudio, Leisner comproba que na parte interna de todos os esteos da cámara e do corredor atópanse debuxos feitos en negro e vermello, sobre fondo branco, nos que poden observarse tres zonas nídiamente diferenciadas, cun friso decorado en negro no seu tercio inferior, que separa dúas áreas, unha superior e outra inferior, nas que predomina a cor vermella. No debuxo recóllese a decoración da primeira chanta do lado esquerdo do corredor, segundo se mira, e permite ver as complexas formas decorativas, con liñas en zigue-zague, triangulares e verticais, motivos ondulados...

    En 1987 é José María Bello que vai dar a coñecer a decoración do dolmen coruñés de Dombate. O amplo estudio do monumento permitiu saber que a anta estaba decorada na súa totalidade, tanto na cámara como no corredor e que para pintar coas cores vermella (a partir de óxido de ferro) e negro (obtido a partir de carbón vexetal), aplicouse unha imprimación branca feita ó mesturar caolín con manteca ou manteiga de vaca. Ó igual que no dolmen de Pedra Cuberta, unha banda decorada, nesta ocasión en vermello, percorre o tercio inferior de cada un dos esteos.

    Outro dos dólmenes con decoración pictórica é o de Forno dos Mouros, en Toques (A Coruña), feita pública por Jacobo Vaquero, en 1988, dado que tamén está pintado na súa totalidade, con liñas en zigue-zague, dispostas horizontalmente, alternándose as liñas de cor vermella coas de cor negra.

   A máis recente aportación corresponde ó dolmen de Couto dos Mouros, en Rodeiro (Pontevedra), no que resultan claramente visibles no seu esteo de cabeceira, restos pictóricos en vermello, formando zigue-zagues. Nunha finca próxima atoparon outro dolmen pintado ó efectuar traballos agrícolas, pero foi trasladado ó Museo de Pontevedra para o seu estudio.