Círculos Líticos

O Freixo

Pequeno círculo lítico de difícil atribución cronolóxica, localizado no concello das Pontes (A Coruña). Mide 9,50 m de diámetro e está feito con pedras de cuarzo branco sen traballar, extraídas dos arredores, que acadan unha altura duns corenta centímetros. Está situado nun lugar elevado dende o que se contempla un amplo panorama.

Prao das Chantas

Círculo lítico localizado nos montes de Penido, no municipio do Valadouro (Lugo). Está formado por un aliñamento dunhas 250 pedras fincadas, que mide no seu eixo Norte-Sur 79 m de diámetro e 101 m de Oeste a Este. Foi descuberto en 1994 e dado a coñecer por M. Gago, R. Reigosa e X. Salgado en 1996. Non moi lonxe está o dolmen de Santo Tomé. Con toda seguridade no pertence cronolóxicamente á epoca na que se desenvolve en Galiza o fenómeno megalítico, pero a case total ausencia deste tipo de monumentos na nosa Comunidade fai que consideremos conveniente que apareza neste traballo.