OS MARIÑOS
 
A lenda da orixe da nobre linaxe bretoñesa dos Mariños forma parte do conxunto de tradicións populares celtas comúns de Bretaña, Cornualla, Gales, Galicia e Irlanda



O Conde Froilán era un nobre das terras britonienses, sabio, xusto e ben aprezado polos seus vasalos. Froilán, que nunca desposara muller algunha, gostaba da caza, de pasear a cabalo polas súas terras e de falar coas súas xentes. 

Nun dos seus paseos a cabalo viu desde o alto dun cantil a unha muller semiespida deitada na praia. Curioso, achegouse amodo a ela, decatándose perplexo que a durmida muller tiña corpo de peixe: "Unha serea!". 

A serea quixo escapar, mais Froilán montouna no cabalo e levouna ao seu castelo. Todos os seus servos e vasalos quedaron abraiados pola extraordinaria fermosura da muller-peixe, que recibiu o nome de Mariña por proceder ela do mar. 

Froilán e Mariña namoráronse rapidamente, e estaban todo o tempo xuntos ollándose e montando a cabalo polas terras do nobre. Aínda que Froilán intentaba aprendela a falar, se cadra era a súa condición de muller-peixe o que lle impedía pronunciar palabras, mais só emitir ruidiños pouco comprensibles. 

Aínda así, o cariño dos namorados era tal que decidiron casar, tendo un desexado primeiro fillo froito do seu amor ao pouco de se axuntaren. E pasaba o tempo e Mariña seguía sen poder falar, o que lle causaba grande mágoa por non lle poder expresar a Froilán e ao pequeno filliño o seu inmenso amor e felicidade. 

Na noite de San Xoán, o nobre matrimonio estaba disfrutando da noite meiga cos seus vasalos, comendo, cantando e bailando diante dos lumes. Sabendo do medo de Mariña cara as faíscas, Froilán arrebatou o fillo dos brazos de Mariña e saíu decidido correndo coa crianza cara a grande lumeirada, dando a impresión que, quizáis víctima dun meigallo, ían entrar na fogueira. 

Mariña, horrificada de perder aos seus amores no lume, berrou: 

- "Froilán!!.. Fillo!!.."

Así, por mor do susto, Mariña poido pronunciar as súas primeiras palabras e aprendeu a falar, o que causou unha grande celebración no castelo e a maior lediza da vida do nobre Froilán, que viviu feliz para sempre con Mariña. 
 

Varios anos despois, descendentes de Foilán e Mariña, acadaron celebridade no Reino de Galicia dous dos Mariños que, adicados á poesia, compuxeron varias das máis fermosas composicións líricas dos cancioneiros galegos medievais. Nobre linaxe do Reino, con brasón de prata representando unha serea e tres ondas azuis, varios Mariños participarían nas guerras contra os árabes, asentándose nos novos territorios do sur e contribuíndo á riqueza do futuro Reino de Portugal.

 
lugares
natureza
contos
lecer
economía
pousada
tenda
 britonia@pangalaica.com